Saltar navegación

Subxuntivo

O subxuntivo soe aparecer en construcións subordinadas substantivas (Non pensei que foses tan ruín), adxectivas (Quero un coche que sexa seguro), adverbiais (Pono onde queiras).

Tamén pode aparecer en construcións non subordinadas: imperativas (Non fales só), dubitativas (¡Quen fose invisíbel!), alternancias concesivas (Diga o que diga, nunca estás contento).

Futuro de subxuntivo

Coincide co infinitivo conxugado nos verbos regulares, mais non nos irregulares. Ten un significado máis ben hipotético e adoitámolo encontrar en refráns e na linguaxe xurídico-administrativa.

Localiza os futuros de subxuntivo dos seguintes textos:

Como sementares e estercares, así collerás cando segares.

Se contra os devanditos procedementos se opuxeren reclamacións por persoa que non tiver ningunha responsabilidade coa Facenda Pública, suspenderanse os procedementos.

Exercicio

¿Cal dos verbos do seguinte cantar popular está en subxuntivo?

Se caín, outras caíron,

a ti nada che roubei;

non che importe que caíse,

que sei a quen me agarrei.

  

Autoavaliación

Coloca nos ocos as formas verbais requiridas:

Non nos permitiu que (ler, p4 Imp. Subx.) os documentos.

Terme ben da máquina, que non lle (caer, Prs. Subx.) ó chan

Non encontrei ningunha peza que (valer, Imp. Subx.) para esta máquina.

Busca unha ferramenta que (valer, prs. Subx.) para facer este labor.

Non (saír, p3 prs. Subx.) de aí ata que o avisen.