Saltar navegación

Numerais

Os numerais

Son palabras que cuantifican a realidade, indicando unha cantidade máis ou menos exacta.

Sintacticamente, poden funcionar como:

Actualizadores: catro vellos.

Modificadores: O primeiro soldado romano.

Pronomes: merqueille dous.

Forman un grupo heteroxéneo no que existen formas variables (primeiro /primeira /primeiros /primeiras) e outras invariables (seis; cinco). Clasifícanse en cardinais, ordinais, partitivos, multiplicativos e colectivos.

Numerais cardinais:

Indican unha cantidade exacta, un número determinado de unidades. Algunhas formas son as seguintes:

un/unha, dous/dúas, ...dezaseis, dezasete, ...vinte e ún, ...trinta e un, ...corenta, ...sesen­ta, ...oitenta, ...cento un/cento unha, ...cincocentos/-as (quiñentos/-as).

A partir de vinte, a expresión do resto dos números realizase:

Mediante a conxunción e: corenta e tres, sesenta e oito.

Por combinación directa: cento un/cento unha.

Numerais ordinais

Indican a situación ou a orde dos seres ou elementos nunha serie determinada.

Algunhas formas: primeiro/-a, segundo/-a, .. .sexto/-a, sétimo/-a, oitavo/-a, .. .undécimo/-a (décimo primeiro/-a), duodécimo/-a (décimo segundo/-a), décimo terceiro/-a, ...vixésimo/-a, ...sesaxésimo/-a, ...centésimo/-a...

Non se deben confundir os ordinais cos partitivos: (treceavo = unha parte de trece). Nas formas compostas só varía en xº e nº o último elemento: décimo primeiras.

Numerais partitivos:

Indican a fracción exacta dunha unidade.

Algunhas formas: Medio/-a, terzo/-a, ...sétimo/-a…

A partir de décimo ( do 11 ao 99) os partitivos rematan en –avo: ...onceavo/-a, doceavo/-a...

Metade, aínda que expresa fracción, é un substantivo.

Numerais multiplicativos:

Indican o resultado dunha multiplicación. Algunhas formas:

Dobre (duplo/-a),  triplo/-a, cuádruplo/-a, quíntuplo, séxtuplo, óctuplo/-a, nónuplo/-a, décuplo/-a... Os demais fórmanse co cardinal máis a palabra “veces”: Custou seis veces máis có meu.

Numerais colectivos:

Indican un conxunto cun número determinado de elementos. Algunhas formas: Par, parella, decena, ducia, cento, milleiro...

Substantivos con valor colectivo son: semana, quincena, trimestre, lustro, década... (de tempo); dúo, trío, cuarteto, quinteto... (referidos á música); novena, corentena...