Saltar navegación

Comparación

Estruturas comparativas:

As estruturas comparativas inclúen sempre morfemas correlativos

Igualdade: tan/tanto…coma/como (é tan lercho coma ti).

Superioridade: máis…ca/que/do que (é máis alto do que pensei).

Inferioridade: menos…ca/que/do que (ten menos frío ca ti).

A comparación pode realizarse entre dúas frases nominais (Ao marmelo póñolle tanto azucre branco coma azucre moreno), dúas frases preposicionais (Dálle máis co estropallo ca coa lixivia) ou dúas frases adverbiais (Mañá vén máis cedo ca hoxe). 

Elementos elididos na comparación

A miúdo as comparacións presentan elipses:

Ex: “Non hai ( cousa tan boa) coma unha charla cos amigos”.

O primeiro membro da comparación pode estar oculto: (tal) cal, (tal) como, etc.

É normal omitir o predicado da OR. Sub. Comparativa, cando repite unha forma do verbo da oración principal: “Comeu tantas améndoas como (comeu) seu pai”.

Indicacións de uso das formas coma e ca:

Introducen palabras, sintagmas e oracións de infinitivo.

Son obrigatorias cando o segundo termo é un pronome persoal que non leva verbo como consecuencia dunha elisión: Canta coma ti.

Podemos empregar “ca” diante de calquera palabra que non sexa verbo.

Son recomendables cando o 2º termo da comparación é:

Unha subordinada condicional (fai coma que non sabes nada).

Unha subordinada temporal ( fixo coma cando ti estabas).

Unha subordinada de relativo (baila coma quen lle aprendeu).

Tamén se pode empregar “coma” cando é equivalente a “igual ca” (Actúa coma un pallaso).

Non se poden empregar cando se introduce directamente como segundo termo da comparación unha oración co verbo en forma finita. É tan bo como parecía; come máis do que debe.

En lugar de ca pode aparecer ás veces de: “Ti entras despois de min”.

Como e do que

Cando se introduce como segundo termo da comparación unha oración co verbo en forma conxugada (É tan bo como parecía, come máis do que debe) é obrigatorio que nas comparativas de igualdade se introduza o segundo termo por medio de como (é así como cho conto), e nas de superioridade e inferioridade mediante a locución conxuntiva do que (Corre máis do que parece).

Con valor puramente modal só se pode empregar como (Vístete como queiras; chamáronme como experta en arácnidos).

É obrigado “como” cando equivale a segundo, conforme, en calidade de…

Contraccións

Ca+o: có (o meu can é máis rabeno có teu)

Ca+a: cá (a cadeira é máis alta cá miña)

Ca+os: cós (valen máis cós teus)

Ca+as: cás (pesan menos cás túas). 

Ca contrae co artigo a (A miña casa ten máis cuartos cá túa), mais non coa preposición a (Resúltame máis doado ca a ti).

Ollo!

Con+o: co; con+a: coa… fíxoo co coitelo, colleuno coa man

Ca+o: có; ca+a: cá… é máis lento có teu.