O adxectivo
Definición
Clasificación
Xénero do adxectivo
Non é unha categoría propia do adxectivo, senón que a toma do susbstantivo ao que acompaña (o leite morno/ a sopa morna).
Existen adxectivos cualificativos invariables (coche azul/ saia azul) e outros con flexión (bo camiño/ boa antroidada).
Número
A maior parte presentan flexión de número e forman o plural do mesmo xeito que o substantivo (cartafol azul/ cartafoles azuis).
Estás certo de que o entendes?
Imos valernos deste texto da novela O porco de pé de Vicente Risco para repasar o aprendido.
Le e responde:
Don Celidonio é gordo e artrítico. O carrolo sáelle para fóra; na calva ten unha que outra serda; ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón, e tan lustrosas, que semella que botan unto derretido; as nádegas e o bandullo vánselle un pouco para baixo. O lardo rezúmalle por todo o corpo, e no verán súdao en regueiros aceitosos e en pingotas bastas, coma as que deitan os chourizos cando están no fumeiro.
O xénero non é unha categoría propia do adxectivo, senón que a toma do substantivo ao que acompaña. Por ese motivo “aceitosos” é masculino, igual que o substantivo que cualifica. Cal é ese substantivo? Do mesmo xeito, “bastas” é feminino porque é feminino o substantivo. De cal se trata?
“hipertrofiadas” e “lustrosas” están en plural porque ese é o número do substantivo ao que cualifican. Cal é ese substantivo?
Un día chegou o demo de visita cas do doutor Alveiros. Chegou en automóbil; mais non viña vestido de caballero. Non viña de levita e chistera e con gardachuvia (…) Era o demo negro, mouro, louro, inmundo, cachondo, torto, retorto, manicho, barbado, tiñoso, raposo, peludo, pelado, cornudo, rabudo, co cu recachado, mintirizán, lacazán, fuciñudo.
Que tipo de adxectivos cualificativos predominan no parágrafo anterior?
Graos do adxectivo
Positivo: indica sempre a calidade, sen ningún tipo de intensificación (ruín, célebre).
Comparativo: establece relación de calidade entre dous termos (máis célebre do que pensaba).
Superlativo: expresa a calidade no seu grao máis alto (celebérrimo).
O superlativo
Distínguense dous tipos de superlativo: absoluto (expresa a calidade no seu grao máis alto sen establecer ningunha comparación) e relativo (expresa a calidade no seu grao máis alto comparándoa coa dun conxunto).
Hai dous procedementos de formación do superlativo absoluto: analítico e sintético.
O superlativo absoluto analítico fórmase de varios xeitos:
Coa graduación por medio de adverbios antepostos ao adxectivo: moi, bastante, ben, abondo, etc. Observa que abondo colócase despois do adxectivo: Tes diñeiro abondo.
Coa repetición do adxectivo (sabe rico rico).
Mediante a anteposición de adverbios en -mente (endiañadamente difícil).
O superlativo absoluto sintético fórmase sen partículas, por medio de afixos:
Coas terminacións -ísimo, -érrimo, e os prefixos super,-extra,-hiper, re-, requete-. Observa que o sufixo -iño ademais de diminutivo, tamén pode ser superlativo: É o mellorciño.
Tamén se forma con adxectivos especiais: bo>óptimo, malo>pésimo, alto>supremo, baixo>ínfimo, grande> máximo, pequeno> mímino.
Procedementos de formación do superlativo relativo: artigo + máis/menos + adxectivo en grao positivo + de/entre + 2º termo:
Teño o can máis rápido do mundo.
Comparativo
As formas analíticas do comparativo inclúen sempre morfemas correlativos de:
Igualdade: tan, tanto...coma/como...(é tan lercho coma ti). Nunca empregamos "coma" para comparar verbos.
Superioridade: máis/antes...ca/ do que...(máis alto do que pensei)
Inferioridade: menos/despois...ca/do que (ten menos frío ca ti).
As comparacións serán vistas con máis detalle noutro tema.